Nun dos grupos de 2º de ESO estamos a ler "O principiño" de A. de Saint Exupéry, ese libro que semella ser tan infantil e á vez é tan metaforicamente útil para a nosa vida porque nos achega unha serie de ensinanzas moi prácticas para o día a día, de aí que podemos achegar dez delas:
1.- "O esencial é invisible para os ollos"
2.- "Valorar a simplicidade das cousas."
3.-" Un sempre é responsable do que domestica"
4.- "Coñécete a ti mesmo para saber ata onde podes chegar"
5.- "Valora o amor dos demais como a túa vida mesma"
6.- “Amor non é mirarse o un ó outro, senón mirar os dous na mesma dirección."
7.-" O diñeiro cégate da beleza."
8.- "Non valores á xente polo que ten, senón polo que é."
9.- "O máis brillante da vida non se compra con diñeiro."
O alumnado de 1º de bacharelato A anda enleado na lectura de "Hora zulú" de Santiago Lopo. Engaiolados co tipo de estrutura da novela que chega a nós a través de distintos textos fragmentarios: informes médicos, notas de cadernos persoais, actas dunha organización non gubernamental, correos electrónicos, poemas, etc., andamos á procura de desantrañar o quebrecabezas de historias que aparecen na obra.
Os grupos de lectura de 3º de ESO están, no caso de 3º A e estiveron, no caso de 3º B, coa lectura da novela gráfica "María e mais eu" de Miguel Gallardo baseada na súa experiencia biográfica como pai dunha nena con autismo.
Ademais de achegarnos a este tema tamén nos estamos a aproximar a novas técnicas da linguaxe da banda deseñada que non atopamos nas historietas convencionais.
Nesta ligazón tedes acceso ó documental realizado pola protagonista e seu pai, o autor do cómic.
O grupo de club de lectura de 2º de ESO cambiou de coordinador. Agora coordínaos o noso compañeiro, Vicente Grandal. Neste trimestre acabaron coa lectura d' O neno de pixama a raias e van comezar unha nova novela, Blanca como la nieve, roja como la sangrede Alessandro D'Avenia.
Desta novela tamén temos unha versión cinematográfica.
O grupo de clubeir@s de 1º de bacharelato B-C-D rematou a lectura da novela epistolar "Enderezo descoñecido" da escritora Kressmann Taylor, que nos achegou unha trama na que o nacemento do movemento fascita da Alemaña nazi destrúe a amizade entre os dous protagonistas da historia, un xudeu e un alemán que comparten un negocio de arte e se cartean durante esta época até que as cartas do primeiro empezan a vir de volta por amosar un ENDEREZO DESCOÑECIDO
O grupo de clubeiros e clubeiras de 3º ESO A están a ler "Un monstro vén a verme". A pesar de que moitos deles xa foron ver a versión cinematográfica están a desfrutar con esta lectura porque poden atopar outros matices que non lles deu tempo a percibir na película que recrea esta novela.
Un dos grupos do club de lectura de 2º de bacharelato anda mergullado nesta lectura.
Nesta entrevista, o escritor Manuel Rivas debulla unha parte do proceso de creación do libro, que estamos a ler cos clubs de letura de 2º de bacharelato, Todo é silencio. Así mesmo, tamén fai referencia ás relacións "eróticas" que teñen as súas obras, tanto esta, como A lingua das bolboretas do libro de relatos Que me queres, amor?, co cine.
Na primeira sesión, que dedicamos á lectura de Todo é silencio, debullamos, entre outras cousas, as relacións ente a literatura e o cine que aparecen na obra, nas múltiples referencias cinematográficas e parámonos, tamén, a comentar a súa estrutura: "O silencio amigo" e "O silencio mudo".
N"O silencio amigo", as referencias literarias ó poema de Rosalía que aparece en Follas novas.
"Todo é silensio mudo,
soidá,delor
onde outro tempo a dicha
sola reinou…"
"Nove Lúas ten un libro nas mans. Abriuno por abrir, mais foi pasando folla a folla e hai tempo que está ensumida na lectura
- Que les?
- Ten sucos de piollos,
- E coméronlle as letras?
- A ver, escribe!
- Non sei. Non teño papel.
- É igual, parvo! Escribe.Todo é silensio mudo …
- Será silencio.
- Pois aquí pon silensio. Por algo será." (páx. 61)
E n' "O silencio mudo" a do salmo 135 da Biblia, o Canto dos elixidos. "Os ídolos dos xentís son prata e ouro, / feitura das mans dos homes. / Teñen boca e non falan, / teñen ollos e non ven, / teñen orellas e non oen / e non hai alento na súa boca. / Coma eles son os que os fan / e cantos neles confían". Nesta entrevista, o propio autor, engade unha frase pronunciada nun contexto brutal: " Non era dócil ó imperio da miña voz" para entender este silencio. Para seguir a profundizar nas fontes desta obra tamén é interesante a ligazón a esta entrevista do xornal El País.
Na segunda sesión, que realizaremos mañá, compararemos varios aspectos da versión cinematográfica da película de José Luis Cuerda coa literaria que acabamos de ler.
Este ano o grupo do club de lectura de 1º de ESO ten un novo coordinador, o profesor Manuel Radío.
Os nosos flamantes clubeiros e clubeira no primeiro trimestre leron: Bala perdida de Manuel Rivas e no segundo van ler: Unha pantasma no colexiode Manuel Lourenzo González.
O alumnado de 2º de ESO está a ler "El niño con el pijama de rayas" do autor irlandés John Boyne. Este grupo en lingua castelá é novo e está guiado polo profesor Francisco Blanco Sanmartín.
En 2º de bacharelato tivémonos que desdobrar en dous grupos porque un só se facía moi numeroso, de aí que estamos a facer as reunións en sesións alternas os venres. En ambos os dous estamos comentando:
"Aos once anos, rompín o meu porquiño e fun visitar
as putas.
O meu porco era un peto de porcelana vernizada,
color de vómito, cunha fenda que lle permitía á moeda
entrar, pero non saír. Aquel peto de dirección única
escollérao meu pai, porque correspondía á súa concepción
da vida: o diñeiro é para gardalo, non para gastalo.
Había douscentos francos nas entrañas do porco.
Catro meses de traballo."
Este comezo de novela non pasou desapercibido nos seus comentarios, achegarse a este neno protagonista e as súas carencias afectivas foi moi doado para a maioría dos clubeir@s.
O grupo do club de lectura de 1º de BACH B-C-D anda a ler "Exogamia 0.3" de Ramón Caride. Esta é a foto da primeira xuntanza na que comentamos o primeiro relato: "Reciclado".
Nel atopámonos con cinco microrrelatos protagonizados por distintos personaxes adolescentes: Tharcisse, Thomas Lugari, Theng-Si , Tino e Tarim. Viven en puntos moi distanciados do planeta: Kivu Norte (República Democrática do Congo), Kigali (Ruanda), Giuyu (República Popular Chinesa), Louzós (Ourense) e Acra (Gana) respectivamente. E comparten unha arela común: unha vídeo-consola, agás o protagonista do derradeiro microrrelato. Na descrición das súa vidas atopámonos coas diferenzas que hai entre o primeiro, que traballa nunha mina na extracción do coltán; o segundo, que vive nas dependencias da empresa chinesa que exporta o devandito mineral da que é traballador o seu pai; o terceiro, que se gaña a vida montando móbiles e o cuarto, que ten unha vida máis acomodada, que lle permite que lle merquen o último modelo de vídeo-consola, aínda que non aprobe todas as materias de 4º de ESO. Para acabar co quinto personaxe, que vive e traballa nun vertedoiro de material electrónico e non pode desexar a vídeo-consola porque nunca chegou a ver unha enteira.
O grupo do club de lectura de 3º ESO A está a ler "O pintor
do sombreiro de malvas" de Marcos Calveiro. Xa tivemos dúas xuntanzas que
deron para comentar os seus personaxes e as peculiaridades que os rodean, como
é o caso do noso innominado protagonista e o seu amigo, o pintor,
Vicent Van Gogh, que son cos que máis empatizan. Non acontence o mesmo coa tía Jojo e o párroco de Auvers. Tamén nos paramos a comentar a relación amorosa do rapaz con Adeline.
<
Loving Vincent é a nova película ó óleo sobre Vincent Van Gogh, que tamén está baseada nas cartas escritas polo propio pintor ó igual que unha parte importante da novela que estamos a ler.
O grupo de 1º de BACH A comezou hoxe a súa primeira xuntanza da lectura da novela "Flor de area" de Manuel Lourenzo González.
A temática do veo na muller islámica foi un dos puntos que tratamos nesta primeira sesión. Aquí temos unha ilustración cos principais veos islámicos para seguer a debater a cuestión na seguintes reunións de clubeir@s.
E tamén vos quedan aquí tres ligazóns interesantes para desenvolver esta temática máis pormenorizadamente:
Celebramos a penúltima xuntanza de Esmeraldina, a pequena defunta coas galletas do aniversario da nosa clubeira María Camiña, que estaban tan ricas como as que puidese elaborar a nosa cociñeira defunta.
No grupo de 1º de bacharelato estamos a ler Hora zulú de Santiago Lopo. Nas primeiras xuntanzas analizando as distintas personaxes achegámonos á temática da tolemia a través da figura do protagonista desta historia. Unha das clubeiras falou da película na que Jack Nicholson encarnaba maxistralmente unha persoa con transtornos psiquiátricos.
Estruturalmente esta novela presenta unha chea de textos que de xeito fragmentario nos van contando a historia do personaxe chamado o Profesor, que padece amnesia e é ingresado nun centro psiquiátrico. Por medio de actas, informes médicos, poemas e as cinco historias de "Hora zulú" imos debullando este relato.
A lectura dramatizada de "Comedia bífida" de Manuel Núñez Singala dános xogo para traballar a través da comedia todo tipo de prexuízos lingüísticos que afectan á lingua galega.
Cada un dos personaxes desta obra dramática é chamado a un suposto xuízo final para ser xulgado por ser portador dunha idea preconcebidanegativa sobre a lingua galega. Na súa dramatización descubriremos como moitos destes prexuízos están inseridos no ADN de moitos de nós.
Estes que se agochan detrás dos libros son algúns dos clubeiros de 1º de bacharelato, que andan escandalizados co comezo d' Unha primavera para Aldara no que se nos fala do dereito de pernada.
Hoxe tivemos a primeira xuntanza da lectura de Mundo Arb de Manuel Lourenzo González, estivemos a analizar a presentación que se nos fai dos personaxes, do tempo e do espazo no que se desenvolve a novela.
Os nosos clubeiros comentaban que lles chamaba a atención a datación do ano 38.713 para uns feitos, que semellaban máis ben situados no pasado polo emprego que da tecnoloxía se relata, posto que se nos conta, que aínda non teñen billas nas súas casas, nin paradescensos (paracaídas), un invento que sería de moita utilidade a estes personaxes que viven nas árbores, nin outros moitos enxeños mecánicos como o biciclo (bicicleta) que recoñecemos nas nosas sociedades actuais.
A reflexión xirou ó redor da temática das novidades tecnolóxicas, a súa repercursión nas nosas vidas e até onde poderiamos chegar abríndolles a porta das nosas casas, o límite puxérono rápido ó comentar que nunca un robot sería o mesmo cunha mascota, nin cunha persoa como coidadora doutra.