Amosando publicacións coa etiqueta roteiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta roteiros. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de xuño de 2017

Roteiro a San Simón e Salinas do Ulló.


O pasado martes, 30  de maio, visitamos a illa de San Simón e as Salinas do Ulló en Vilaboa. O noso roteiro xuntou a rapazada dos seis grupos de club de lectura, os únicos que quedaron fóra foi o alumnado dos dous club de lectura de 2º de bacharelato por razón obvias.

Fomos un total de 50 rapaces con catro profesores os que percorrimos as distinta épocas da illa de San Simón, desde o medievo da man da cantiga de Mendiño, até a epoca da posguerra con textos como o de Agustín Fernández Paz Noite de voraces sombras e O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas.




Houbo unha mención especial a Xulio Verne, non en van os nosos clubeiros de 3º de ESO, leron como lectura obrigatoria Xules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas. E tampouco quedou fóra a poesía de Antón Reixa parodiando a de Mendiño.

Pola mañá contamos cunha guía que nos puxo o día de toda a historia coa que conta a illa e pola tarde deu tempo a facer unha xincana, para comprobar a adquisición de todos estes coñecementos por equipos, que contou cun implicación dos clubeiros ó cen por cen. Logo houbo un momento de lecer na carballeira ó carón do museo de Meirande antes de visitar as Salinas de Ulló. Tamén tivemos un momento de baile no barco de volta ó noso destino. Foi unha xornada do máis completa: historia, literatura, xincana, música, baile, xogos de cartas e paseos.

Aí vos quedan as ligazóns a todas as fotos deste día: fotos do roteiro á illa de San Simón  e máis fotos.



venres, 20 de maio de 2016

Visita á Casa Museo de Manuel María.


Onte, 19 de maio, os nosos grupos de club de lectura de 1º, 2º, 4º de ESO e 1º de bacharelato visitaron a Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei. Esta é a foto que se publicou no Twitter desde a conta da Casa Museo. En breve faremos unha crónica máis completa da nosa visita.

martes, 27 de xaneiro de 2015

"Memorias dun neno galego" no noso club.




Xosé Neira Vilas recibiu o noso club de lectura na súa Fundación no ano 2011


Foi unha oportunidade para departir con el sobre a súa vida e a súa obra. En concreto, Memorias dun neno labrego, fixo que lle lembrase ó noso alumnado as condicións da infancia de antano, o pouco acceso á educación que se tiña naquela época e o feito de que para poder ir á escola tivese que andar varios quilómetros a pé por camiños intransitables.


Tamén lles serviu de guía para amosarlles moitas das pezas de carácter etnográfico que garda na súa Fundación, así como a súa voluminosa biblioteca.


Aproveitamos esta xornada para coñecer de preto a comarca onde se sitúa a Fundación. Primeiro visitamos o Pazo de Oca. Despois percorremos a rota para chegar á fervenza do Toxa e á praia fluvial da Carixa, en Merza. Por último, achegámonos á nosa cita co escritor en Gres e visitamos as illas que se atopan no río e a súa ponte romana.


O alumnado do Club de lectura e de diversificación participou nesta gravación de vídeo que homenaxea o libro de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego con motivo da celebración dos cincuenta anos da súa publicación

Durante a actividade recitaron anacos literais deste libro e relataron as distintas aventuras que lle acontecen a Balbino.

mércores, 22 de outubro de 2014

Roteiro etnográfico ó Areoso


O pasado 13 de xuño os clubeiros de 1º de bacharelato que estaban en 1º A visitaron a illa do Areoso na ría de Arousa. Esta actividade foi coordinada polo seu titor, Tomás Agostiño e permitiunos gozar dunha paraxe única cargada dun forte patrimonio etnográfico fóra do común. Achegámos ata a alí en canoa e puidemos comprobar in situ moitas das cousas que xa nos comentara o profesor e xornalista Manuel Gago cando visitou o centro este ano.





Son moitas as palabras que están enterradas nesta illa berrándonos que debemos coidar o noso patrimonio, primeiro porque é o noso e segundo porque é único.