Amosando publicacións coa etiqueta Diego Ameixeiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diego Ameixeiras. Amosar todas as publicacións

domingo, 13 de decembro de 2015

Valoración persoal dun clubeiro sobre "Tres segundos de memoria"

Xuízo crítico de Antonio Casal (1º Bacharelato C)

Tres segundos de memoria narra a vida dun mozo duns trinta anos aproximadamente que se encontra estancado laboral e sentimentalmente. A novela mostra unha progresión realista ao longo dos capítulos que conforma o atractivo da obra e amosa a precaria situación político-social de España que concorda coa actual aínda que a obra se escribise no 2006 (ano en que gañou o Premio Xerais de Novela).

Diego Ameixeiras
Centrándome máis na miña opinión persoal, teño que recoñecer que a brevidade dos capítulos, nun primeiro momento, resultoume frustrante debido a que se podían alongar e xuntar facilmente. Tras as sesións do Club de Lectura aprendín que o autor trataba de facer da obra unha especie de diario, no que o protagonista anotaba situacións que consideraba importantes sen importar a data, momento ou lugar. É importante destacar a apertura coa que fala de temas considerados “tabú” na sociedade da década pasada como o sexo, a homosexualidade... e a frescura da narración na que se amosa un punto de vista masculino que amosa vulnerabilidade (ao citar as cousas que lle fan chorar), malestar tras a ruptura amorosa coa súa ex-moza Alba ou afondamento na vida persoal coma o reencontro cos pais, as fantasías cunha caixeira chamada Maribel... Polo tanto, o libro trata numerosas temáticas moi diversas que o converten nunha novela moi ecléctica e que poden abrila a un público máis amplo.


Polo respecta á miña experiencia coma lector, teño que recoñecer que non todo foi marabilloso e moitas veces tiven que deixar de ler a obra por seguir unha canle moi depresiva que provocaba fatiga pola súa monotonía, pero ao mesmo tempo rabia porque o protagonista non facía nada por cambiar a súa traxectoria. En relación ao protagonista non me identifiquei moito con el debido á diferenza de idade e isto provocou unha desconexión temperá. Ao mesmo tempo ningún personaxe secundario espertou atención sobre min basicamente pola vaga descrición que se fai sobre eles. Sobre o final teño unha opinión divida porque por unha parte pareceume moi ambiguo e por outra banda moi realista acorde co resto do libro.

En resumo, o libro pareceume atrevido e diferente ao resto das lecturas educativas que propón o noso centro, pero semelloume excesivamente depresivo e trata temas aos que a maioría dos adolescentes estudantes non están afeitos como o desemprego, a vida solitaria...

domingo, 25 de outubro de 2015

Iniciamos os nosos clubs con "Tres segundos de memoria"

Iniciamos a nosa andaiana deste ano no grupo de 1º de bacharelato coa lectura Tres segundos de memoria. Un libro que desde a primeira páxina nos mergulla cunha linguaxe moi peculiar,  na "andamiaxe anímica" dun personaxe que procura non fracasar, unha vez máis no seu día a día, de mozo suficientemente preparado para unha sociedade na que non atopa un lugar.


O título desta novela está tomado da canción "2 besugos" do grupo  de música sevillano Sr. Chinarro.