Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

luns, 5 de xuño de 2017

Lorca está de aniversario


Un 5 de xuño de 1898 naceu Federico García Lorca en Fuente Vaqueros, Granada. Estamos a falar dun dos poetas e dramaturgos españois de máis influencia e popularidade na literatura española do século XX.

Nesta ligazón http://federicogarcialorca.net/ podes atopar máis información.

mércores, 26 de abril de 2017

Poema para despedir a un ser querido.

Podes chorar porque se foi,

ou podes sorrir porque viviu.


Podes pechar os ollos

e rezar para que volva, 

ou podes abrilos e ver todo o que deixou;

o teu corazón pode estar baleiro

porque non o  podes ver,

ou pode estar cheo do amor 

que compartiches.


Podes chorar, pechar a túa mente, sentir o baleiro e dar as costas,

ou podes facer o que a el lle gustaría:

Sorrir, abrir os ollos, amar e seguir.

Este poema tradicional escocés vai dedicado á unha clubeira moi especial que acaba de perder a alguén moi importante dun xeito traumático e de igual modo a outra alumna deste centro que tamén lle acaba de acontecer o mesmo estes días. A literatura e as palabras non curan, pero poden ser terapéuticas en momentos moi traumáticos das nosas vidas.

martes, 25 de abril de 2017

Poema de Rosalía Fernández Rial



Con este poema de Rosalía Fernández Rial nos agasallan desde as Bibliotecas Escolares neste Abril dos Libros.

martes, 28 de xuño de 2016

Lendo e recitando poesía en francés en 2º de bacharelato


A poesía non debe asustarnos. Podemos e debemos ler poesía e descubrir que pode ser moi sinxela ou, ás veces, é certo, un pouco máis complicada pero iso non debe frenarnos para descubrir ese mundo cheo de música. Aquí vos deixamos a dobraxe dun filme que ilustra o poema de Jacques Prévert Déjeuner du matin, interpretado por María de 2º de bacharelato.


xoves, 28 de xaneiro de 2016

Poema de Lucía Afonso Abalo premiado no concurso ANOMAR

A nosa clubeira de 2º de ESO, Lucía Afonso Abalo, foi premiada no XII Concurso de Poesía, Anomar convocado pola Asociación Recreativa e Cultural "Os Tilos".

Adeus ríos, adeus fontes.
Adeus aos campos en flor,
adeus ondas dos mares
adeus meu corazón.

Adeus roteiros húmidos
que mollaron a miña alma,
adeus as pinguiñas
xogueteiras da calma.

Adeus terras de labranza,
o noso selo, a nosa marca.
Adeus chíos dos merliños,
adeus as sombras das súas alas.

Adeus estrelas,
adeus as augas
que levaron miñas penas
levándoas coa riada.

Adeus casiña,
adeus pegadas da praia, 
adeus as esmolas
que por soñar me daban.

Adeus aos meus versos
que eu antes cantaba,
adeus aos ceos
!Que limpos estaban!

Adeus ao que eu quero,
adeus a miña alma.
Adeus, meu tesouro,
agardarás onde estabas.

Na praia dos soños,
agochado, meu corazón,
a miña chave dos teus beizos,
o cofre, miña paixón.

Mecíanse os meus suspiros,
arroupados polo vento.

Os meus ollos pechados
mirando cara dentro. 




Na recollida do premio, o pasado 18 de decembro en Teo, Lucía explicou como a súa fonte de inspiración foi o famoso poema rosaliano "Adeus ríos, adeus fontes" do libro Cantares gallegos.

luns, 23 de novembro de 2015

Deixounos CARLOS OROZA

"En el norte hay un mar que es más alto que el cielo" é o titulo dun dos seus poemarios.

NELSON VILLALOBOS
Carlos Oroza, o poeta viveirense, deixounos este pasado domingo, pero quédannos os seus poemas para que non esquezamos a un dos poetas máis senlleiros da nosa xeografía que pasará á historia con maiúsculas da poesía. 


 


 

martes, 23 de xuño de 2015

Sara Martínez premiada nos Minerva 2015

A nosa integrante do grupo do club de lectura de 2º de bacharelato, Sara Martínez, foi premiada nos prestixiosos Premios Minerva 2015. Aquí temos unha foto da recollida do premio en compañía dos outros premiados e da escritora, Marina Mayoral, condutora do acto de entrega de premios.

xoves, 18 de xuño de 2015

Poema da nosa clubeira Lucía Afonso

Co rechiar dos meus ósos de pedra,
non escapo nin me quedo quieta.

Quixen facer o crime perfecto,
cunha corda e un espello.

Quixen ver o meu retrato 
para poder poñerlle fin
a unha existencia como a miña,
tan malvada e tan baleira.

Quixen rachar comigo mesma,
saír do meu ovo de pedra,
desfrutar da miña liberdade na herba.

Eu non quería ter o peso
de ser sempre a presa,
eu non quería ser unha rocha mollada de pedra.

Quixen ver o meu reflexo,
nas miñas augas cristalinas,
quixen correr lonxe
soñando con fervenzas
e subidas.

Pero cando a miña alma
xa reclama esas terras
choca cunha barreira,
a miña cadea, a miña cela.

A miña existencia está baleira,
só hai auga nas miñas veas,
só auga e ósos de pedra.

A miñas memorias
son auga baleira,
auga estancada
nos meus ósos de pedra.

domingo, 31 de maio de 2015

"Cicatrices" de Marta Dacosta

Poema de Marta Dacosta presentado no congreso internacional interdisciplinar "Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade", celebrado en París o 9 e 10 de abril de 2015

 

xoves, 14 de maio de 2015

ENCONTRO: "POESÍA EN CLAVE DIXITAL"

Mañá 15 de maio participamos no encontro: "Poesía en clave dixital" en Caldas de Reis, no que os nosos grupos de club de lectura se reúnen cos grupos de alumnado dos centro do IES de Poio, IES de Sanxenxo e do IES San Paio de Tui. Contamos con obradoiros coas poetas: Rosalía Fernández Rial, Susana Aríns e cos músicos: Sergio Trillo e Clara Pino. 
Eduardo P. Baamonde

 O grupo de 1º de ESO recitará poemas de Susana Aríns e Clara Pino no recital que se realizará no Auditorio Municpal de Caldas de Reis e a nosa alumna Sara Martínez de 2º de bacharelato recitará os seus poemas premiados nos Premios Minerva deste ano. 

O grupo de 3º de ESO tamén recitará un poema de composición colectiva propia na homenaxe ó río posterior á comida.

 POEMA Ó RÍO UMIA.

 Empezamos este poema
 sen trampa nin cartón.
 O río Umia 
non ten comparación. 

 Nós, os de Vilalonga 
este poema imos recitar.

 É do río Umia, 
así que ninguén se pode queixar.

 Forcarei veuno nacer
 coas pedriñas no caudal.
Corre a súa auga linda,
 corre entre o vendaval.

 Choiva no inverno
 e saraiba tamén, 
alimentan o Umia 
vaivén tras vaivén.

                                                                                                                                       As fábricas acaban co Umia                                 contaminándoo sen piedade. 
  Se non o coidamos nós, 
    quen lle dará liberdade? 


  Os veciños non se cansan
de protestar e protestar. 
              Pois queren o mellor para o río
              con temor polo que poida pasar. 

                                           Este poema xa está rematado,
                                           esperamos que fose do voso agrado. 

Todos eles contribuirán na intervención poética polo rueiro de Caldas de Reis, consistente na pegada deste poema convertido en palmeira e outros carteis e folletos, que ofrecerán versos e poemas pola rúa e distribuíndo publicidade poética nos parabrisas dos coches.

xoves, 7 de maio de 2015

Preparamos o encontro poético en Caldas do grupo "Poesía en clave dixital"

O noso alumnado de 1º e 3º de ESO estanse a preparar para o encontro poético, antes denominado "Enredado Versos" e agora "Poesía en clave dixital" que este ano realizarase en Caldas. A  arpista Clara Pino e a poeta Susana Aríns son algunhas das invitadas ó evento deste ano, de aí que esteamos a preparar algunha das súas obras co alumnado de 1º de ESO.

A rapazada do Club de lectura de 1º de ESO está a preparar para recitar a "Alborada de Malulú", letra da arpista Clara Pino, que escribiu  para que acompañase á novela "Un dedo manchado de tinta" de Manuel Portas, inspirándose nun dos seus personaxes, xunto con cinco poemas máis.


 

O meu mundo é de terra e luz.
Cálido
como a tristura dun neno,
como o fel dos esquecidos
amargo.

              Sincera mirada de león.

O teu mundo é de pedra e auga,
roteiros húmidos
sen calma,
de xigantes con fortuna
máis coas almas
desvalixadas.

                           Como é que non te preguntas
                           pola cor da miña pel?
Ti, allea,
derrubas muros,
eu silente,
virxe de ti,.
As miñas mans tremen
cando me vexo nos teus ollos.

Curtido estou coa ansia de vivir.
Ti, saciada de corazóns baleiros,
entras no meu camiño intanxíbel,
esntra co teu paso firme.

                          Como é que non te preguntas
                           cor da miña pel?

 CLARA PINO, arpa celta e voz.


Nada en Vigo no ano 1972. Inicia os estudos musicais no Conservatorio Superior de Música de Vigo a idade de oito anos. Entre os seus traballos máis salientables na Música Clásica destaca ser membro  do octeto renacentista Música Reservata, co cal deu numerosos concertos por toda a xeografía galega, entre os que cabe destacar o Teatro Principal de Santiago de Compostela e o Teatro Principal de Pontevedra. Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago, comeza os estudos de Música Tradicional na disciplina de Arpa Celta impartida por Rodrigo Romaní no Conservatorio de Música Popular (E-Trad), en Vigo. Do ano 2004 ata xullo de 2007 pertence ao dúo Sete Saias co cal edita un disco, contando con colaboracións como Rodrigo Romaní, Xosé Manuel Budiño, Fernando Abreu, Xosé Liz ou Begoña Riobó, e toca en diversos festivais como Ortigueira 07, Xacobeo 07. No ano 2007 grava coa formación Covalblú o traballo Mai. En 2011 pasa a formar parte do trío Loaira, co cal edita dous traballos discográficos: Loaira e o CD que acompaña á novela de Manuel Portas, Un dedo manchado de tinta, onde o trío musicaliza a seis personaxes de dita novela . Profesionalmente compaxina a súa labor como docente de Música no Ensino Secundario coa actividade artística musical. Na actualidade está preparando novo traballo discográfico con Pablo Vidal Mendoza, o cal verá a luz este próximo outono 2015.


Asemade, tamén están preparando para recitar un poema de Susana Aríns, que publicaremos aquí en breve.

O grupo de  3º de ESO está traballando nun poema colectivo sobre o río Umia, que tamén achegaremos nunha nova entrada.

E algúns dos nosos integrantes de 2º de bacharelato participaran por ser os gañadores no concurso de parodias.


mércores, 29 de abril de 2015

Parodia: "Un berro a Galicia, hei"



UN BERRO A GALICIA (PARODIA DE "UN CANTO A GALICIA" DE JULIO IGLESIAS"

 Eu non te quero tanto,
 demo dos números vaite marchando.
 Paso de estar estudando,
 prefiro quedar fóra xogando.

 Un berro a Galica, hei,
 un berro contra escola.
Un berro a Galicia, hei,
estudar non me mola.

 Teño morriña de durmire,
 na cadeira do cole non quero estare.
 Eu non me quero levantare,
 ata o sono acabare.


O alumnado do club de lectura de 1º ESO   presentouse ó Concurso de Parodias Musicais, que organiza o Departamento de lingua e literatura castelá dentro do proxecto Poesía dixital, con esta letra que parodia a canción de  Julio Iglesias.

Os seus integrantes: Lucía Abalo, Alejandro Amado, Eva Basdediós, María Camiña, Nicolás Otero e Nuria Puente son os autores en conxunto desta parodia.