mércores, 25 de marzo de 2015

"Pecados de segunda man" de Sara Martínez

Hoxe unha das nosas integrantes do club de lectura de 2º bacharelato, Sara Martínez,  recolle o terceiro premio na categoría de poesía dos Premios Literarios Minerva 2015.

Outro dos nosos clubeiros, David Güimil,  deste grupo participou na categoría de narrativa cun relato, que aínda que non acadou ningún premio, tamén trascribiremos aquí proximamente. Estes textos amosan por si sós a calidade creativa do noso alumnado.














PECADOS DE SEGUNDA MAN de Sara Martínez García

PECADO I

Cen avemarías polo espertar morno na nosa cama.
Nosa, si
Cometo o egoísmo de facela cómplice.

O seu silencio, 
o nós diluído nas súa engurras,
os minutos agochados entre as súas serpes,
brancas pero impuras.
Sabas feitas de remorsos
que me atan a ti.

Toda a súa complicidade
págase con vinte pais nosos.
Ao contado, por favor.

Nos seus confins despréndome da careta.
Desato, unha a unha,
cada unha das mentiras
que levo cosidas á pel.
Retiro con coidado o "A"
que pegaches ó final do meu nome.
Arrinco o discreto vestido
que me vestiches de portas a fóra.

Perdo o que coñecen 
e recupérome das brétemas deste pudor.
Deste amor que me custeo a prazos.

Por adorar o teu corpo, 
reflexo do meu.
Por dicir "quérote" en masculino,
sirvo a miña alma nunha bandexa de prata.

Prezo a saber: mil rosarios polo ti e eu.

PECADO II

Clic.
Un sorriso máis amplo, por favor.
Clic.
Veña neno, mostra o feliz que es.
Clic.

Non recordo cando vin por primeira vez 
a mentira enmarcada en plástico barato.
E digo vin do verbo recoñecer,
primeira persoa do pretérito da miña vida.

Poida que acontecera na escuridade
dun boas noites a un bos días.
De pronto o meu corpo tiña peitos e cadeiras
que se agochaban ao meu paso polo espello.

A gravata apertaba,
o calzón sobraba,
o azul e os camións incordiaban,
as bágoas emerxían,
os volcáns do meu peito estoupaban
en magma candente de pensamentos.

Metamorfose ou verdade.
Cambio ou realidade.
Ela, eu
Eu son ela.

Sorriso sen sombras.
Clic.

PECADO III

Maura sempre era a primeira en chegar.
No seu afán de celeridade e primicia,
foi a primeira en chegar a min.

Maura era uns beizos de delirio.
Pegañentos e densos,
deixaban o seu rastro coma un camiño de deseño.
Penduradas del quedaban todas as súas verbas.
Cada unha das promesas que nunca cumpriría.

Ela adornaba as nosas horas con versos de Lord Byron,
as lapas ardían na nosa pel ao ritmo de Sinatra.
A eternidade nuns minutos calculados,
a coreografía natural coa que ela me enganaba.

Maura non era fría.
Maura non era indiferente.
Sacerdotisa da súa propia Igrexa
de adeptos a ela e desencantados da vida.

Jane Austen como fiel tesoureira, 
recollendo con discreción os pagos.
Entre liña e liña,
entre orgullo e prexuízo.

Nuncan esquecerei aquela novela.
Ela, coma min, sempre ó seu carón.
Sempre en eterna espera.

Maura sempre era a primeira en irse.



Ningún comentario:

Publicar un comentario