luns, 17 de novembro de 2014

Xuntanza de novembro dos grupos de bacharelato

Este é un dos nosos grupos de 2º de bacharelato na xuntanza de novembro. Nela retomamos os motivos culinarios, así foi Marcos Soutullo o encargado de engaiolarnos con esa saborosa torta de tres chocolates feita por el.

E nestoutra  foto tedes o segundo grupo que tamén contou con outra deliciosa torta coa que nos chupamos os dedos.

As lecturas foron moi variadas e os comentarios moi diversos. No cómic en galego pararonse moito a comentar a  tortuosa temática d' Un home feliz de Antonio Seijas, as dificultosas relacións persoais do antiheroe de Onde ninguén pode chegar de David Rubín, a necesidade de deixar contada a historia no relato de ciencia ficción de Mensaxes de Mariano Casas e a surrealista historia que nos conta Jacobo Fernández Serrano n' As aventuras de cacauequi.



Nas bandas deseñadas que levaron a escoller por eles triunfou coma sempre Mafalda e Asterix. Pero tamén houbo momentos para falar doutras obras, como: Vals con Bashir de Ari Folman y David Polonsky; El juego de las golondrinas, Me acuerdo de Zeina Abirached ;  Engurras de Paco Roca Breve Encuentro de Jacobo Fernández Serrano;  Uxío Novoneyra: A voz herdada de Kike Benlloch e David Rubín; Vida de nai de Ramón Marcos e Gemma Sesar; María y yo de Miguel Gallardo;  Trazo de xiz de Miguelanxo Prado e Maus de Art Spiegelman.

O salientable desta xuntanza foi que serviu para achegar os nosos alumnos á banda deseñada actual, ós nosos autores galegos e a outros moitos creadores do panorama internacional. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario