domingo, 29 de novembro de 2015

O noso Club e Neira Vilas


Xosé Neira Vilas recibiu o noso club de lectura na súa Fundación no ano 2011. Hai que gabar que este escritor sempre tiña a porta aberta a todo aquel que quixese achegarse á súa obra e ó entorno no que viviu os seus primeiros e últimos anos. Ese  bonito Gres do que tanto desfrutamos aquel día en Vila de Cruces.






Foi unha oportunidade única para departir con el sobre a súa vida e a súa obra. En concreto, Memorias dun neno labrego, coas que lle lembrou ó noso alumnado as condicións da infancia de antano, o pouco acceso á educación que se tiña naquela época e o feito de que para poder ir á escola tiña que andar varios quilómetros a pé por camiños intransitables.



Tamén lles serviu de guía para amosarlles moitas das pezas de carácter etnográfico que gardaba na súa Fundación, así como a súa voluminosa biblioteca.







A profunda humildade deste autor achegou ós rapaces a unha obra e un xeito de ver o mundo, recoñecible xa só por algúns, pero que para outros, como a mediadora deste club de lectura supuña un reto, posto que non quería afondar nun prexuízo que o alumnado xa trae no seu ADN sobre a lingua galega, lingua da aldea e de pobres, que Balbino puidera representar nun momento dado; non deixando ver que tras ese Balbino están todos e cada un dos falantes que conservamos a semente orixinaria do noso pobo.

Non obstante, leveime nese momento a grata sorpresa de que os daquela nenos do club, hoxe xa universitarios a maior parte, recoñecéronse nunha obra que servía de cordón umbilical con algo que xa leran os seus pais.

Damos así o noso particular ata sempre a un autor imprenscindible para entender a nosa literatura e a nosa historia como pobo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario