xoves, 7 de maio de 2015

Preparamos o encontro poético en Caldas do grupo "Poesía en clave dixital"

O noso alumnado de e 3º de ESO estanse a preparar para o encontro poético, antes denominado "Enredado Versos" e agora "Poesía en clave dixital" que este ano realizarase en Caldas. A  arpista Clara Pino e a poeta Susana Aríns son algunhas das invitadas ó evento deste ano, de aí que esteamos a preparar algunha das súas obras co alumnado de 1º de ESO.

A rapazada do Club de lectura de 1º de ESO está a preparar para recitar a "Alborada de Malulú", letra da arpista Clara Pino, que escribiu  para que acompañase á novela "Un dedo manchado de tinta" de Manuel Portas, inspirándose nun dos seus personaxes, xunto con cinco poemas máis.


 

O meu mundo é de terra e luz.
Cálido
como a tristura dun neno,
como o fel dos esquecidos
amargo.

              Sincera mirada de león.

O teu mundo é de pedra e auga,
roteiros húmidos
sen calma,
de xigantes con fortuna
máis coas almas
desvalixadas.

                           Como é que non te preguntas
                           pola cor da miña pel?
Ti, allea,
derrubas muros,
eu silente,
virxe de ti,.
As miñas mans tremen
cando me vexo nos teus ollos.

Curtido estou coa ansia de vivir.
Ti, saciada de corazóns baleiros,
entras no meu camiño intanxíbel,
esntra co teu paso firme.

                          Como é que non te preguntas
                           cor da miña pel?

 CLARA PINO, arpa celta e voz.


Nada en Vigo no ano 1972. Inicia os estudos musicais no Conservatorio Superior de Música de Vigo a idade de oito anos. Entre os seus traballos máis salientables na Música Clásica destaca ser membro  do octeto renacentista Música Reservata, co cal deu numerosos concertos por toda a xeografía galega, entre os que cabe destacar o Teatro Principal de Santiago de Compostela e o Teatro Principal de Pontevedra. Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago, comeza os estudos de Música Tradicional na disciplina de Arpa Celta impartida por Rodrigo Romaní no Conservatorio de Música Popular (E-Trad), en Vigo. Do ano 2004 ata xullo de 2007 pertence ao dúo Sete Saias co cal edita un disco, contando con colaboracións como Rodrigo Romaní, Xosé Manuel Budiño, Fernando Abreu, Xosé Liz ou Begoña Riobó, e toca en diversos festivais como Ortigueira 07, Xacobeo 07. No ano 2007 grava coa formación Covalblú o traballo Mai. En 2011 pasa a formar parte do trío Loaira, co cal edita dous traballos discográficos: Loaira e o CD que acompaña á novela de Manuel Portas, Un dedo manchado de tinta, onde o trío musicaliza a seis personaxes de dita novela . Profesionalmente compaxina a súa labor como docente de Música no Ensino Secundario coa actividade artística musical. Na actualidade está preparando novo traballo discográfico con Pablo Vidal Mendoza, o cal verá a luz este próximo outono 2015.


Asemade, tamén están preparando para recitar un poema de Susana Aríns, que publicaremos aquí en breve.

O grupo de  3º de ESO está traballando nun poema colectivo sobre o río Umia, que tamén achegaremos nunha nova entrada.

E algúns dos nosos integrantes de 2º de bacharelato participaran por ser os gañadores no concurso de parodias.


Ningún comentario:

Publicar un comentario