mércores, 29 de outubro de 2014

Manuel Lourenzo González visítanos para falarnos de "Flor de area"



O pasado xoves, 13 de febreiro do 2014, contamos na nosa xuntanza de 1º de bacharelato co escritor Manuel Lourenzo González. Puidemos achegarnos á súa novela, Flor de area, desde a voz do seu autor, relatounos a súa querencia por esta historia que xa empezou con  Irmán do vento, e o reto que supoñía para el achegarse a unha cultura allea, como é a árabe e introducirse na psicoloxía da protagonista, Amrah, unha rapaza nova. Describiunos o proceso de elaboración da novela, comentou como goza na primeira parte de construción da trama e como as de documentación e corrección son as partes máis tediosas para el.

Os nosos clubeiros fixeron moitas preguntas sobre a evolución da psicoloxía dos personaxes, as peripecias da trama e o seu desenlace. Así mesmo, expresaron a seu gusto pola estrutura da novela, na que se introducen anacos do libro de Khaled, a modo de contos, sentenzas ou poemas que beben da tradición do conto popular árabe. O autor comentou o seu gusto por crear estas pezas breves, e pese a que a que en moitos delas emprega unha linguaxe poética, el di non considerarse un poeta. Serán, pois, obra da súa personaxe Khaled estas pequenas xoias literarias: 

  "Querendo levantar unha casa para nós os dous,
 construín un labirinto. Agora,
 á vez que subimos a escaleira, baixámola, 
cada vez que entramos, estamos a saír, 
cando con ansia nos buscamos, perdémonos, 
cando cremos que estamos espertos, soñamos. 
Se non queres vivir máis nela, entendereino,
 aínda que nunca o saberei, porque non mo estarás 
                                                                    dicindo."

Ningún comentario:

Publicar un comentario