mércores, 29 de outubro de 2014

"Endogamia 0.2"


A última obra lida polo club de lectura de 1º de bacharelato foi o libro de relatos: "Endogamia 0.2", que forma parte da triloxía que nos avanzou o autor que realizaría, cando nos visitou o ano pasado, para comentar "Exogamia 0.3", sobre temáticas que tira, nos máis dos casos, da actualidade dos xornais.

Así mesmo, grazas á xenerosidade de Ramón Caride tivemos a ocasión de ler  antes da súa publicación, en rigorosa primicia, o primeiro relato:  "Tan lonxe, tan preto". Este ano completamos, pois, a lectura deste libro cos seus outros dous relatos: "Mecánica da apocalipse" e "Alto rendemento".

En todos eles preséntanos a visión da nosa sociedade profundamente deshumanizada, onde a violencia de xénero aparece reflectida, tanto nos países menos desenvolvidos, como na casa dos nosos veciños. A corrupción política estraga, sen ningún tipo de pudor, o medioambiente e a vida de miles de persoas. E no campo da ciencia, o estudo de fármacos para novas enfermidades está manipulado polas mans de políticos que só serven os intereses do capital.

Tampouco debemos esquecernos das ilustracións de Manuel Busto que acompañan os relatos. Das cales xa puideramos desfrutar, tamén en primicia, o ano pasado cando, ambos os autores, visitaron o noso club. 

En definitiva, unha obra que aínda que non foi a favorita dos nosos clubeiros este ano, dá para comentar moitas temáticas e moi interesantes en calquera club de lectura. De feito esperamos contar coas súas contribucións persoais en vindeiras entradas deste blog.

Ningún comentario:

Publicar un comentario