domingo, 13 de decembro de 2015

Valoración persoal dun clubeiro sobre "Tres segundos de memoria"

Xuízo crítico de Antonio Casal (1º Bacharelato C)

Tres segundos de memoria narra a vida dun mozo duns trinta anos aproximadamente que se encontra estancado laboral e sentimentalmente. A novela mostra unha progresión realista ao longo dos capítulos que conforma o atractivo da obra e amosa a precaria situación político-social de España que concorda coa actual aínda que a obra se escribise no 2006 (ano en que gañou o Premio Xerais de Novela).

Diego Ameixeiras
Centrándome máis na miña opinión persoal, teño que recoñecer que a brevidade dos capítulos, nun primeiro momento, resultoume frustrante debido a que se podían alongar e xuntar facilmente. Tras as sesións do Club de Lectura aprendín que o autor trataba de facer da obra unha especie de diario, no que o protagonista anotaba situacións que consideraba importantes sen importar a data, momento ou lugar. É importante destacar a apertura coa que fala de temas considerados “tabú” na sociedade da década pasada como o sexo, a homosexualidade... e a frescura da narración na que se amosa un punto de vista masculino que amosa vulnerabilidade (ao citar as cousas que lle fan chorar), malestar tras a ruptura amorosa coa súa ex-moza Alba ou afondamento na vida persoal coma o reencontro cos pais, as fantasías cunha caixeira chamada Maribel... Polo tanto, o libro trata numerosas temáticas moi diversas que o converten nunha novela moi ecléctica e que poden abrila a un público máis amplo.


Polo respecta á miña experiencia coma lector, teño que recoñecer que non todo foi marabilloso e moitas veces tiven que deixar de ler a obra por seguir unha canle moi depresiva que provocaba fatiga pola súa monotonía, pero ao mesmo tempo rabia porque o protagonista non facía nada por cambiar a súa traxectoria. En relación ao protagonista non me identifiquei moito con el debido á diferenza de idade e isto provocou unha desconexión temperá. Ao mesmo tempo ningún personaxe secundario espertou atención sobre min basicamente pola vaga descrición que se fai sobre eles. Sobre o final teño unha opinión divida porque por unha parte pareceume moi ambiguo e por outra banda moi realista acorde co resto do libro.

En resumo, o libro pareceume atrevido e diferente ao resto das lecturas educativas que propón o noso centro, pero semelloume excesivamente depresivo e trata temas aos que a maioría dos adolescentes estudantes non están afeitos como o desemprego, a vida solitaria...

Ningún comentario:

Publicar un comentario