domingo, 22 de febreiro de 2015

Merenda de Entroido con Manuel Lourenzo González




O pasado 12 de febreiro o noso grupo do club de lectura de 1º de ESO contou cunha visita moi especial o autor dos dous últimos libros que leron: Unha pantasma no colexio e Tanis I, o Mocos. Ó estarmos no Entroido a charla estivo acompañada por unha merenda cunhas orellas de Entroido que fixeron as delicias dos nosos padais.

Manuel Lourenzo González comentoulles as diferenzas na construción destas dúas novelas, para responder ás súas preguntas de que novela lle levara máis tempo realizar das dúas. El explicou que Unha pantasma no colexio ten unha estrutura moito máis complexa, porque na súa trama mestúranse dúas  cronoloxías distintas, de aí que esta levoulle moito máis tempo ca de Tanis I, o Mocos, que ten unha trama moito máis sinxela, que escribiu dun tirón en moi pouco tempo.

Así mesmo, tamén lles relatou como á raíz do éxito desta última, escribiu a primeira parte desta historia, que levou como título: Estanislao, o príncipe de Sofrovia. O enclave deste país foi outra das cuestións que traía de cabeza ós nosos clubeiros, e a posibilidade de atopármonos con el calquera día no mapa quedou aberta, pero o que si lles revelou foi como el coñecera, realmente, o protagonista do Tanis, na recolleita de froita en Francia hai xa moitos anos.

Outra pregunta dos clubeiros, apaixoados lectores e algunha deles tamén escritora de poemas, foi cándo decidira comezar a escribir. Manuel respondeulles que, en realidade, non lembraba que tomara esa decisión, simplemente lle gustaba ler e un día comezou a escribir, un pouco tamén, porque como debuxante de banda deseñada alguén lle dixera que iso non era o seu, e esta era outra forma de contar historias que lle daba grandes satisfaccións.

Tamén lle fixeron preguntas máis persoais, que trataban, entre outras,  de se a el lle gustaba ir á escola de pequeno ou se sabía francés. A escola da súa infancia non a lembraba como algo moi especial, tamén lles fixo ver que non era un ensino semellante ó que eles están a vivir, pero si lles dixo que sempre tivera moita curiosidade por aprender cousas e que iso fora o que o movera a chegar a onde está hoxe. A outra pregunta foi respondida: oui.

Desde a coordinación do club engadir que Manuel sempre responde oui ás nosas propostas de xuntanzas, polo que lle estamos moi agradecidos, unha vez máis.


Ningún comentario:

Publicar un comentario